21 Recursos TIC para Valores Sociais e Cívicos (1º trimestre)
Como naceu este artigo
No grupo de Telegram de TADEGa ( t.me/GrupoTadega ) andan ou andamos nestes días ocupados en compartir recursos TIC para usar nas aulas. Quixen facer aquí un mini-achegamento nesta materia (Valores sociais e cívicos). E como é moito material, quizais máis adiante, e se resulta de interese, poderíase ampliar coas outras tres cuartas partes dos recursos que faltan.
Como se chegou ata aquí

O lío que supón a presenza da materia de relixión na educación obrigatoria máis a necesidade de traballar a médula dos valores transversais nun Estado Español no que esta temática é especialmente espiñenta, lévanos a unha historia complexa desta disciplina (basta con repasar os moitos nomes que nun tempo histórico tan breve lle temos dado incluso omitindo as tentativas que non chegaron a publicarse no BOE pero que a piques estiveron de facelo):
- “Ética” (1990).
- “Educación para a cidadanía e os dereitos humáns” (2006).
- “Valores sociais e cívicos” (Primaria 2013) actualmente en vigor.
- “Valores Éticos” (Secundaria 2013) actualmente en vigor.
- “Valores cívicos e éticos” (proposta actual no aire).
Todo ise trabalinguas histórico e de conceptos leva consigo un feixe de incertidumes sobre que contidos abordar e de que xeito facelo para que non sexa nin pareza: adoutrinamento, reforzo doutras áreas, tempo perdido para uns, tempo gañado sobre os outros… En calquera caso, a maior parte dos titores de primaria na educación pública somos, xeralmente, os encargados de levar esta asignatura nos tempos horarios nos que a outra metade da aula (máis ou menos) recibe clases de relixión católica. Que facer? Como facelo?
As editoriais, tanto de papel como dixitais achégannos as súas propostas que, na meirande parte dos casos, desenvolven áreas como:
- Educación emocional.
- Convivencia.
- Empatía.
- Intelixencia interpersoal.
- Diversidade.
- Coidado (dun mesmo, dos demais, do medioambiente…)
- Valor do diálogo crítico.

O vídeo como recurso para valores e cidadanía
No meu caso (este é un artigo de experiencias persoais por se a alguén lle pode valer) como titor de 5º e 6º de educación primaria e polo tanto con alumnado a piques de ser lanzado aos IES, veño a contar algunhas andainas nas que prescindo do libro de texto (tanto papel como dixital) para traballar coas experiencias e emocións máis próximas á realidade diaria de alumnado concreto, e coa pretensión de fondo sempre de reflexionar sobre as cousas que o mundo non ten moito interés en reflexionar, ou dito doutro xeito, como futuros encargados de lembrarlle ao mundo as cousas que o mundo pretende esquecer.
Trátase no meu caso dunha serie de vídeos que se atopan na Internet que valen como referencia inicial para un debate tanto na aula como na casa (ver notas).
Nota 1: material para ser visto tanto na aula como na casa porque se pide ao alumnado que os compartan no fogar. Con que intención? Para que falen e reflexionen sobre o seu significado e as súas repercusións. Porque o punto final non é do profe, é da familia.
Aquí queda unha escolma deles. Son só uns poucos: os do 1º trimestre do 5º curso de primaria:
- Ser un mi-mi-yo-yo ou colaborar? (Cutters). Vídeo para entender porqué fallamos cando fallamos: https://youtu.be/CIx0a1vcYPc
- Como ser “inclusivos”? (Resposta a Iago): https://youtu.be/A6bcQdBpuYI
- Para querernos, primeiro entendernos (Cupídity): https://youtu.be/bbK0KqtuyFM
- Nós e os nosos cazos (porque todos temos cazos). (O cazo de Lorenzo): https://youtu.be/K0usZT3LGOQ
- Os horrores das guerras. (Miss Sarajevo). Débese antes explicar a historia deste vídeo que inclúe unha conexión con Sarajevo onde se celebraba na clandestinidade, e no medio das bombas, un concurso de Miss Sarajevo (de aí o nome do vídeo): https://youtu.be/cuEt7EvPMVU
- A ler, ver e vivir. (Leer me salvó…): https://youtu.be/aJvOPtYUj1o
- Nada é o que parece (Pentatonix – A Capella). Arranca a experiencia só co audio para pedirlles que fagan unha lista dos instrumentos musicais que parecen sonar. Despois amósase este vídeo cantado “A Capella“, reflexionamos pois sobre a fermosura das capacidades humanas e sobre como nos enganan as apariencias: https://youtu.be/3MteSlpxCpo
- Que debemos admirar? ¿Que modelo de ser humano promovemos? (El Circo de la Mariposa): https://youtu.be/Sry7DacKtbk
- E ti que cambiarías? (experimento social navideño). Aquí aconséllase que os rapaces vaian contestando no caderno ás preguntas que se van facendo conforme aparecen (facendo pausas no vídeo para lles dar tempo a contestar antes de ver o que contestaron os demais e antes de pasar ás preguntas seguintes) e posteriormente pedirlles (ao rematar a sesión) que repitan a experiencia eles na casa cos seus adultos de referencia: https://youtu.be/D-3KLwLkXfA
- Somos cidadáns do mundo. (The DNA Journey). Convén explicar con anterioridade en que consiste esta experiencia sen anticipar os resultados e reflexionando sobre as posibeis ideas preconcebidas que temos: https://youtu.be/tyaEQEmt5ls
- Que é o realmente importante? (Playing For Change) Aclaración: débese explicar antes en que consiste esta experiencia (grabación simultánea de músicos da rúa de múltiples países que se escoitan entre eles a través dos auriculares): https://youtu.be/Us-TVg40ExM
- Día contra a violencia de xénero:
- Teño unha ra na man e non a ves. (El maltrato sutil): https://youtu.be/0y9zJ5J2bWA
- As chaves do acoso. (El Sandwich de Mariana): https://youtu.be/f-8s7ev3dRM
- Que significa amar realmente? (Chicken or the egg): https://youtu.be/nfYPktsd9bs
- Coidar o noso planeta falla porque… o que non vemos, cremos que non existe:
- Esponxas e corais no espazo dunha lentella. (Slow Life): https://vimeo.com/88829079
- Avións en Europa nun día calquera. (Euope 24 (2014)): https://vimeo.com/88093956
- O vendedor de fume ¿Actual? https://vimeo.com/groups/3dshortanimations/videos/42329392
- O amor, de ser certo, pon todo do revés. (17 años juntos). Nota: non sintonizo coa totalidade do que se transmite nesta curta, pero si moito co restante: https://youtu.be/RlRdsTRFNeI
- Clima e cambio climático. Comeza por ver e admirar todo canto nos imos perder se perdemos. (Vídeos de Dustin Farrell).
- Terra (Landscapes 3): https://vimeo.com/56879439
- Aire. (Landscapes 4): https://vimeo.com/117079445
- Auga. (Decompression): https://vimeo.com/370498518
- Lume. (Transient): https://vimeo.com/245581179
- Lume 2. (Transient 2): https://vimeo.com/360708200
Nota 2: recoméndase o visionado a pantalla completa, co volume ben alto e activando os subtítulos en español ou galego para os que teñan o audio falado noutro idioma.
Nota 3: todas as familias teñen acceso previo a estes mesmos enlaces que se van colgando nunha web accesible para todos eles e con anticipación ata que teñen á vista a relación completa como esta de aquí ao rematar o trimestre.