21 Recursos TIC para Valores Sociais e Cívicos (1º trimestre)

Como naceu este artigo

No grupo de Telegram de TADEGa ( t.me/GrupoTadega ) andan ou andamos nestes días ocupados en compartir recursos TIC para usar nas aulas. Quixen facer aquí un mini-achegamento nesta materia (Valores sociais e cívicos). E como é moito material, quizais máis adiante, e se resulta de interese, poderíase ampliar coas outras tres cuartas partes dos recursos que faltan.

Como se chegou ata aquí

Imaxe da Fundación "Mimi" (2004 Bélxica) en vinculación ás persoas que sofren cancro.
Algún día, esta muller contaranos porqué está aquí.

O lío que supón a presenza da materia de relixión na educación obrigatoria máis a necesidade de traballar a médula dos valores transversais nun Estado Español no que esta temática é especialmente espiñenta, lévanos a unha historia complexa desta disciplina (basta con repasar os moitos nomes que nun tempo histórico tan breve lle temos dado incluso omitindo as tentativas que non chegaron a publicarse no BOE pero que a piques estiveron de facelo):

  • Ética” (1990).
  • Educación para a cidadanía e os dereitos humáns” (2006).
  • Valores sociais e cívicos” (Primaria 2013) actualmente en vigor.
  • Valores Éticos” (Secundaria 2013) actualmente en vigor.
  • Valores cívicos e éticos” (proposta actual no aire).

Todo ise trabalinguas histórico e de conceptos leva consigo un feixe de incertidumes sobre que contidos abordar e de que xeito facelo para que non sexa nin pareza: adoutrinamento, reforzo doutras áreas, tempo perdido para uns, tempo gañado sobre os outros… En calquera caso, a maior parte dos titores de primaria na educación pública somos, xeralmente, os encargados de levar esta asignatura nos tempos horarios nos que a outra metade da aula (máis ou menos) recibe clases de relixión católica. Que facer? Como facelo?

As editoriais, tanto de papel como dixitais achégannos as súas propostas que, na meirande parte dos casos, desenvolven áreas como:

  • Educación emocional.
  • Convivencia.
  • Empatía.
  • Intelixencia interpersoal.
  • Diversidade.
  • Coidado (dun mesmo, dos demais, do medioambiente…)
  • Valor do diálogo crítico.
Icono gráfico de "Play"

O vídeo como recurso para valores e cidadanía

No meu caso (este é un artigo de experiencias persoais por se a alguén lle pode valer) como titor de 5º e 6º de educación primaria e polo tanto con alumnado a piques de ser lanzado aos IES, veño a contar algunhas andainas nas que prescindo do libro de texto (tanto papel como dixital) para traballar coas experiencias e emocións máis próximas á realidade diaria de alumnado concreto, e coa pretensión de fondo sempre de reflexionar sobre as cousas que o mundo non ten moito interés en reflexionar, ou dito doutro xeito, como futuros encargados de lembrarlle ao mundo as cousas que o mundo pretende esquecer.

Trátase no meu caso dunha serie de vídeos que se atopan na Internet que valen como referencia inicial para un debate tanto na aula como na casa (ver notas).

Nota 1: material para ser visto tanto na aula como na casa porque se pide ao alumnado que os compartan no fogar. Con que intención? Para que falen e reflexionen sobre o seu significado e as súas repercusións. Porque o punto final non é do profe, é da familia.

Aquí queda unha escolma deles. Son só uns poucos: os do 1º trimestre do 5º curso de primaria:

  1. Ser un mi-mi-yo-yo ou colaborar? (Cutters). Vídeo para entender porqué fallamos cando fallamos: https://youtu.be/CIx0a1vcYPc
  2. Como ser “inclusivos”? (Resposta a Iago): https://youtu.be/A6bcQdBpuYI
  3. Para querernos, primeiro entendernos (Cupídity): https://youtu.be/bbK0KqtuyFM
  4. Nós e os nosos cazos (porque todos temos cazos). (O cazo de Lorenzo): https://youtu.be/K0usZT3LGOQ
  5. Os horrores das guerras. (Miss Sarajevo). Débese antes explicar a historia deste vídeo que inclúe unha conexión con Sarajevo onde se celebraba na clandestinidade, e no medio das bombas, un concurso de Miss Sarajevo (de aí o nome do vídeo): https://youtu.be/cuEt7EvPMVU
  6. A ler, ver e vivir. (Leer me salvó…): https://youtu.be/aJvOPtYUj1o
  7. Nada é o que parece (Pentatonix – A Capella). Arranca a experiencia só co audio para pedirlles que fagan unha lista dos instrumentos musicais que parecen sonar. Despois amósase este vídeo cantado “A Capella“, reflexionamos pois sobre a fermosura das capacidades humanas e sobre como nos enganan as apariencias: https://youtu.be/3MteSlpxCpo
  8. Que debemos admirar? ¿Que modelo de ser humano promovemos? (El Circo de la Mariposa): https://youtu.be/Sry7DacKtbk
  9. E ti que cambiarías? (experimento social navideño). Aquí aconséllase que os rapaces vaian contestando no caderno ás preguntas que se van facendo conforme aparecen (facendo pausas no vídeo para lles dar tempo a contestar antes de ver o que contestaron os demais e antes de pasar ás preguntas seguintes) e posteriormente pedirlles (ao rematar a sesión) que repitan a experiencia eles na casa cos seus adultos de referencia: https://youtu.be/D-3KLwLkXfA
  10. Somos cidadáns do mundo. (The DNA Journey). Convén explicar con anterioridade en que consiste esta experiencia sen anticipar os resultados e reflexionando sobre as posibeis ideas preconcebidas que temos: https://youtu.be/tyaEQEmt5ls
  11. Que é o realmente importante? (Playing For Change) Aclaración: débese explicar antes en que consiste esta experiencia (grabación simultánea de músicos da rúa de múltiples países que se escoitan entre eles a través dos auriculares): https://youtu.be/Us-TVg40ExM 
  12. Día contra a violencia de xénero:
  13. Que significa amar realmente? (Chicken or the egg): https://youtu.be/nfYPktsd9bs
  14. Coidar o noso planeta falla porque… o que non vemos, cremos que non existe:
  15. O vendedor de fume ¿Actual? https://vimeo.com/groups/3dshortanimations/videos/42329392
  16. O amor, de ser certo, pon todo do revés. (17 años juntos). Nota: non sintonizo coa totalidade do que se transmite nesta curta, pero si moito co restante: https://youtu.be/RlRdsTRFNeI
  17. Clima e cambio climático. Comeza por ver e admirar todo canto nos imos perder se perdemos. (Vídeos de Dustin Farrell).

Nota 2: recoméndase o visionado a pantalla completa, co volume ben alto e activando os subtítulos en español ou galego para os que teñan o audio falado noutro idioma.

Nota 3: todas as familias teñen acceso previo a estes mesmos enlaces que se van colgando nunha web accesible para todos eles e con anticipación ata que teñen á vista a relación completa como esta de aquí ao rematar o trimestre.

Comparte este artigo

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes usar: HTML etiquetas e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.