Momentos complexos, reflexión e novas oportunidades (Érica)

É un momento certamente complexo para sentarse, pararse e escribir unas verbas a compartir coa comunidade educativa, pero é o momento de podermos reflexionar acerca de moitos aspectos que no día a día, deixamos pasar. Aló imos! 

Semella que en moitas ocasións os docentes e as familias vivimos nun bucle, con aspectos cotiás cun alto compoñente curricular e obviamos moitos aspectos transversais que realmente fan que a educación, sexa a nosa vocación e devoción. Deste xeito, nestes días lin moitas cuestións relacionadas coa avaliación dos contidos, coa recuperación do temario perdido, coas novas datas de exames, con como cadrar todo nun calendario moito máis comprimido sobre o papel, sobre o teletraballo, etc…pero é o momento de ver o realmente relevante das cousas. Por certo, de cara ao futuro a educación debe ser o garante da igualdade de oportunidades e non ser o que acrecente as mesmas.

Así, a natureza deunos un golpe importante parando o noso ritmo de vida e no momento no que voltemos á rutina, nada debe ou debera ser igual, senón que debe marcar un punto de inflexión na nosa forma de vida e na nosa forma de relacionarnos coas persoas no día a día. 

Polo tanto, rompamos cos estereotipos que nós mesmos prefixamos, abrámonos a un novo modelo de sociedade onde a educación teña un papel fundamental, onde nos alonxemos en moitas ocasións de aspectos puramente teóricos e curriculares, á vez que loitemos por marcar un novo rumbo de sociedade, sendo dende as primeiras idades os que lles inculquemos isto aos nosos alumnos.

No momento no que entremos nas aulas tras este parón, agardemos que máis pronto que tarde, o que sería unha gran nova, afrontaremos unha nova realidade, seguramente co maior punto de inflexión da historia recente da humanidade e ogallá que non teñamos que vivir moito máis 

Por iso, cando voltemos tanto as aulas como ás diferentes actividades deportivas, culturais e sociais, os máis pequenos necesitarán xogar, correr, saltar, dar abrazos, ter as súas diferencias, que se lles escoite, que poidan ter diversas opinións, é dicir que se lles permita ser… , poñendo en importancia todo o que aprenden cada un dos días nas diferentes situación colectivas que eles mesmos crean, con xogos, adiviñanzas, inquedanzas, etc…

En consecuencia, é o momento dos valores, o momento de educar e educarnos de xeito colectivo dende a normalización e a inclusión tendo en conta a riqueza das características de cada un e aproveitemos a heteroxeneidade como unha oportunidade de crecermos todos xuntos. 

En canto ás emocións, deixémonos levar por elas, pola alegría, a ilusión por compartirmos momentos , por ter diferencias, pola ilusión de xogar, compartir, vivir e convivir, dende logo a mellor aprendizaxe que podemos sacar é a de que debemos trocar a forma de vida, nunha liña positiva, se en lugar de volcarnos en cada ámbito en cuestións que non corresponden, o facemos en propostas, en aspectos positivos, en suma, en unión, en crecemento , a sociedade será imparable. 

Non quero rematar este artigo sen mencionar a unha parte fundamental da educación, as familias, coas que debemos seguir rompendo en ocasións clichés de lonxanía, sendo eixe claro no día a día na educación, tendo unha maior cercanía cada día en prol da educación dos nosos alumnos e tamén de aportarmos entre todos o que poidamos no camiño como persoas. Dende aquí, poño en valor a todas as familias e aos nenos nun momento complexo.

En definitiva, sentimento, ilusión, emocións, empatía e adiante todo xuntos para construirmos unha sociedade imparable, a nosa sociedade nun momento no que está trocando. 

Que opinades vós?     

#Seguimos

Jesús Vázquez Tallón

Mestre E.Primaria e Vicepresidente da Federación Galega de Atletismo.  @SusoVazquez_

Comparte este artigo

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes usar: HTML etiquetas e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.